O deputado provincial Carlos Font cualificou hoxe de “escándalo monumental” as declaracións de dirixentes do Partido Popular sobre a situación da oficina do ORAL de Tui, que a Deputación de Pontevedra tivo que pechar de forma urxente “ante a imposibilidade de arranxar as gravísimas deficiencias estruturais que ven arrastrando desde que foi adquirido, con sucesivas queixas dos traballadores pola situación lamentable das dependencias, agravadas agora polos últimos temporais”.
Font esixiu ao PP explicacións “claras, inmediatas e contundentes dun dos episodios máis vergoñentos da historia dos populares en Tui que os debería ter agochados sen saír de casa”, ao lembrar que “en 2003 o goberno do PP na Deputación de Pontevedra comprou nada menos que ao entón conselleiro do Partido Popular de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Juan Miguel Diz Guedes, un inmoble insalubre, no que houbo que contratar obras para paliar graves problemas de humidades, malos cheiros das arquetas comunitarias do edificio etc…”.
O deputado sinalou que dende o primeiro día que o novo Goberno chegou á Deputación realizou un estudo para avaliar a situación do inmoble, que determinou de «gravísimas patoloxías que só poderían subsanarse coa reparación da fachada, modificando o saneamento de todo o edificio, reparando as arquetas municipais de saneamento, ou levantando a calzada que une ás rúa Coruña e Foxo entre outras, causas todas elas relacionadas coa mala situación dos elementos comúns do edificio. A diagnose concluiu a imposibilidade de arranxar a situación».
Carlos Font confesouse “escandalizado”. “¿Como é posible que o goberno do Partido Popular comprara unha oficina nesas condicións, por enriba por un prezo en 2003 de case 175.000 euros como se estivera en Manhattan e non en Tui, e amais, a un conselleiro do seu partido en exercicio naquel momento como Diz Guedes?. ¿En vez de estar fuxidos, aínda se atreven a falar no Partido Popular?«, preguntou o deputado provincial. “Que dean explicacións, de porque compraron esta oficina, que todo o mundo sabía en que condicións estaba, a un prezo de loucura e a un conselleiro do PP. Que o expliquen, que o expliquen porque avergoñan a calquera”.
Font explicou que a Deputación tivo que decidir por urxencia pechar a oficina xa que os últimos temporais agravaron as patoloxías que ten todo o edificio, e que provocaron a entrada na oficina da augas fecais, graves riscos eléctricos e situacións incompatibles coa atención ao público. “De feito, dixo, se o PP non a pechou durante 10 anos foi porque o anterior propietario ao que se comprou era quen era”. Mentres, explicou o deputado, a atención ás veciñas e veciños de Tui, mantívose ao través da plataforma virtual “que cada vez é máis utilizada, por vía telefónica e de forma presencial na oficina más próxima que é O Porriño”.
O deputado provincial anunciou que paralelamente, a Deputación traballou en sintonía co Concello de Tui para atopar unha solución que verá a luz a próxima semana. “Xa temos local para abrir con carácter provisional unhas novas dependencias. O concello cedeunos unha oficina no Edificio Área Panorámica, na rúa Colón, onde atenderemos ao público”. Font explicou que “xa se está dotando ao local de conexión a Internet e mobiliario, e que á vez nos próximos días publicaranse no BOPPO as bases para o alugamento dunha nova instalación na vila”.