Os Socialistas de Oia levaron a cabo nesta pasada fin de semana tres actos aos que se titulou “Xuntanzas cos Veciños”, «un formato alonxado dos tradicionais mitins de campaña, dun xeito máis próximo á cidadanía e en formato charla-coloquio».

Deste xeito realizáronse Xuntanzas cos veciños de Torroña, Burgueira e Loureza, «contando cunha gran aceptación e participación, escoitando as súas inquedanzas e procurando solucións aos problemas do día a día».

Nestes actos contouse coas intervencións de Gerardo Rodríguez Refojos, candidato á Alcaldía de Oia, e os membros da candidatura: Belén Pulido, Blas Fernández e Marisa Giráldez.

Os Socialistas de Oia pediron o apoio dos veciños «ante a inacción do actual goberno do PP de Cristina Correa, que na última lexislatura non foi quen de dar solución aos diferentes problemas que afectan aos veciños».

Belén Pulido, aposta pola candidatura socialista como candidatura gañadora, «garantindo unha mellora vial con beirarrúas para os veciños de Loureza, Torroña e Burgueira, así como a necesidade dun Centro de Día no municipio para atender aos nosos maiores«, dixo.

Marisa Giráldez falou da ilusión e compromiso da candidatura socialista, «o que precisa Oia para ter progreso e futuro, dende a humildade e o esforzo».

Blas Fernández pediu o apoio dos veciños de Oia este domingo «para ter unha oportunidade real de mudar as cousas, de achegar o concello á cidadanía e poder gobernar, por e para todos e todas as veciñas do municipio».

Gerardo Rodríguez Refojos, candidato á Alcaldía de Oia, falou «da falta de compromiso do actual goberno do PP, insistindo en que é necesario facer avanzar a Oia, e eses cambios tan necesarios, só poden vir da man dun goberno Socialista á fronte do consistorio a partires do 28 de maio».

Visita de Carmela Silva a Oia

Na súa visita a Oia na xornada do domingo 21 de maio, Carmela Silva puxo de manifesto que «a candidatura Socialista é a candidatura gañadora, unha candidatura que conxuga compromiso, ilusión e que conta cun candidato amable, preparado e que traballará polos intereses de todos e todas as veciñas de Oia».

Carmela Silva engadiu que o 29 de maio ten o seu compromiso de visitar Oia para celebrar cos Socialista e con Gerardo a chegada á alcaldía do municipio dun goberno do PSdeG-PSOE.