A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde en funcións de Nigrán, Juan González, e concelleiros do goberno municipal, visitou esta mañá a parroquia de Chandebrito para coñecer as labores de escavación, consolidación e restauración do seu castro, así como as actuacións de mellora na rúa da Igrexa, situada na contorna.

Esta última actuación, que conta cun orzamento de 60.350 euros, finánciase a través do Plan Concellos 2018. “Este é un dos lugares máis fermosos da provincia. Un espazo singular no que temos a obriga de coidar, manter e mellorar non só o entorno medioambiental, que é extraordinario, senón tamén o núcleo habitado de Chandebrito”, declarou a presidenta.

Na súa intervención, Silva recoñeceu que é necesario “recuperar a nosa esencia, a nosa autenticidade, todo o que os nosos antepasados deixaron para darlle impulso económico a esta vila”. Continuou dicindo que “a xente demanda cultura, respecto, medio ambiente e actividade económica e o goberno de Nigrán entende isto perfectamente porque está a facer investimentos para crear espazos que xeren actividade económica e emprego no futuro máis inmediato”.

A presidenta, que tamén quixo felicitar ao alcalde polo resultado das eleccións do 26-M, engadiu que “Nigrán vaise converter nun lugar de economía, progreso e emprego que, con Vigo ao fondo, está logrando que toda a área do sur da provincia camiñe cara a un futuro esplendoroso”.

Pola súa parte, o alcalde en funcións de Nigrán reafirmouse en que “o futuro é o que buscamos aquí. Un futuro diferente dende os incendios de 2017”. Así, valorou as obras que se visitaron hoxe como unha forma de “recuperar o espazo central da parroquia poñendo pedra, xerando valor, riqueza, emprego e facendo que a parroquia sexa mellor”. “Este entorno vaise converter nun referente cultural non só da comarca, non só da provincia, senón de Galicia”, declarou González.

Máis de 7,6 millóns de euros na lexislatura

Nos catro anos de lexislatura, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Nigrán máis de 7,6 millóns de euros en todas as áreas de Goberno. En canto ao vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 1.025.470,24 euros, un 3% máis ca no exercicio anterior. Ademais, ao longo dos catro anos de mandato, Nigrán puido financiar un total de 36 obras a través da Liña 1 do Plan Concellos por preto de 4 millóns de euros. No que respecta á Liña 3 de Emprego, este municipio puido contratar a 106 traballadores municipais.