Este domingo, ás 18:30 no café Keik de Gondomar (rúa Ánimas,10), escenificarase a peza de Castelao “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”,  unha metáfora da Galicia que reflicte desde unha visión crítica, mais tamén retranqueira, a nosa visión da morte tal como a entendemos na Galicia, nestas datas de celebración do Samaín.

O texto de Castelao amósanos a sociedade da época (que ben pode ser a que vivimos nós) ollada por un esqueleto, que en vida non era quen de ver a realidade, a sociedade na que vivía e o significado das cousas, na morte, a través do ollo de vidro, é capaz de analizar o contexto social que reproduce aquel mundo de vivos do que provén.

Neste acto, as asociacións culturais integradas na Federación Galiza Cultura, da que Centáurea fai parte, pretenden profundar e poñer en valor o significado que na nosa cultura e ao longo da nosa historia ten esta celebración de Defuntos, e a forma específica de entender a morte en Galicia, onde culturalmente o alén, a morte, non se concibe coma un acto onde conclúe a vida porque a morte é igual que a vida.

A Asociación Cultural Centáurea convida os veciños de Gondomar a participaren deste acto de despedida do Samaín.