A Oficina de Información dos Muíños do Folón e do Picón (Muíño das Laxes) estivo aberta dende o Xoves Santo ata o domingo 21 de abril da Semana Santa 2019, en horario de mañá (11:00 a 14 horas) e de tarde (16:00 a 19:00 horas).

O bo tempo e as fantásticas condicións climáticas durante estes catro días nas Rías Baixas e en Galicia en xeral, fixeron que centos de persoas se achegaran ata O Rosal para disfrutar da ruta de sendeirismo dos Muíños do Folón e do Picón.

Aínda que o primeiro día houbo chubascos practicamente toda a tarde, as persoas visitantes continuaron achegándose ata Martín, tanto a cuberto para contemplar as demostracións de moenda en directo que se realizaban na Oficina, como para realizar a ruta igualmente.

Durante estes catro días, contabilizáronse un total de 2.042 visitas, sendo o Venres Santo unha das xornadas nas que máis turistas se achegaron ata O Rosal. Como en anos anteriores, a procedencia dos/as turistas nesta Semana Santa, na súa maioría, foron de todas as provincias da Comunidade Galega. Ainda que tamén foron moitas as persoas de Portugal que visitaron os muiños nestes días. En moita menor medida, anotamos varios/as turistas de Francia, Holanda e xa de territorio nacional, persoas de Madrid, Barcelona, Tenerife, etc.

Despois de dous anos, dende que en abril de 2017 se inaugurara a nova Área de Recepción dos Muíños do Folón, esta segue sendo unha verdadeira dinamizadora da contorna, xa que atrae a multitude de veciños/as do Baixo Miño e arredores que buscan unha paraxe de tranquilidade, paseo ou mesmo descanso.

As demostracións de moenda en directo, que se realizaron durante os catro días, volven a ser un auténtico espectáculo para neno/as e persoas adultas. Contemplar a conversión do millo en fariña, escoitar o son da abundante auga e o muíño a pleno rendemento foi, sen dúbida, un dos grandes atractivos para quen decidiu achegarse ata O Rosal.