A convocatoria do BNG deste venres baixo o lema “Paremos a ampliación do Porto Deportivo” foi secundada por «máis de 600 persoas que amosaron súa oposición a construción dunha ampliación de máis de 4.000 metros cadrados na baía de Baiona e na cal se recolleron máis de 500 sinaturas da veciñanza, amosando seu rexeitamento a esta agresión».
O BNG recolleu este venres máis de 500 sinaturas e denuncia que “o Partido Popular, tanto dende a Xunta de Galiza, Portos e baixo os gobernos locais do PP están a esnaquizar a baía de Baiona seguindo unha folla de ruta iniciada fai máis de 20 anos”.
Tamén apuntan que “esta ampliación volverá a modificar outra vez máis as correntes mariñas, aumentando a agresión ao noso litoral, paisaxe e a economía local. Todo isto será posible porque o PP de Almuíña aprobou un Plan Especial do Porto deportivo no ano 2015”.
O grupo nacionalista trasladou toda esta problemática ao parlamento galego, a través da deputada Carmela González, con iniciativas para poder parar este despropósito.
Do mesmo xeito, a nivel local, esíxelle “ao actual goberno do PP de Baiona que pare as obras desta ampliación do Porto Deportivo e que se inicie o proceso de modificación do PXOM para protexelo noso litoral e non para que o agridan”.
O BNG segue «opoñéndose a ampliación, sexa con formigón ou sobre piares, xa que a problemática non só afecta ao medio ambiente en xeral e ao mariño, tamén prexudica á paisaxe, ao noso sector pesqueiro e incide aínda máis na problemática da vivenda e, en consecuencia, á calidade de vida da nosa veciñanza», rematan os nacionalistas.
