Chamamento para a retirada de eucalipto no monte de Vincios
CEDIDA

O incendio do 15 de outubro do ano pasado afectou a práctica totalidade do monte veciñal de Vincios , unhas 550 hectáreas dun total de 678. Despois desta catástrofe, a primeira tarefa que levou a cabo á comunidade foi a retirada de madeira queimada do monte, e unha vez que case está rematada, comeza a tarefa da reforestación naqueles lugares onde o rexenerado natural non teña éxito, e de comezar de novo cos proxectos que estaba a levar a cabo a comunidade.

Ademais hai que afrontar o problema do eucalipto que, como no resto dos montes afectados polos lumes, estase a estender, non só polas parcelas que antes ocupaba esta especie, senón por toda a superficie do monte, polo que a principios de outono a Comunidade de Montes solicitou a colaboración de entidades veciñais, organizacións e voluntariado do concello de Gondomar para limitar a súa presenza no monte veciñal ás zonas establecidas no Plan de Ordenación.

A resposta non se fixo esperar, e foron moitas as persoas que a título particular ou convocadas polas distintas entidades, colaboraron coa Comunidade de Montes de Vincios na retirada de eucalipto en diversas zonas do Galiñeiro (Santa Lucía, Área Recreativa, arredores dos petróglifos de Auga da Laxe e Pereirales).

Así, no mes de outubro e o que vai de novembro, ademais de comuneiros, comuneiras e Xunta Reitora da comunidade, estiveron retirando eucaliptos alumnos e alumnas do IES Escolas Proval, o grupo de Voluntariado Medioambiental do Concello de Gondomar, compoñentes da Agrupación Deportiva Vincios, alumnado de 1º da ESO do IES Terra de Turonio, alumnado e profesorado do CEIP Serra Vincios, compoñentes do Coro Cantares do Brión, compoñentes do Club BTT + Enduro, directiva da Asociación de Veciños Galiñeiro, directiva da Comunidade de Augas do Galiñeiro, compoñentes e directiva do Club Fútbol Sala Vincios (Cereixa), socios e directiva da Agrupación Musical de Vincios e compoñentes de Montañeiros Celtas. En total participaron unhas 600 persoas, que retiraron o eucalipto en 80 hectáreas aproximadamente de monte veciñal, nalgunhas zonas cunha densidade de entre 80 e 100 pés por metro cadrado. A todos eles a Comunidade de Montes de Vincios que afradecer enormemente a súa colaboración.

Pero queda outro tanto por facer e, aínda que ao longo deste mes van contar coa colaboración do alumnado e profesorado do Colexio Andersen, directiva e socios da ANPA Santa Mariña do CEIP Serra Vincios e outras entidades que, como Montañeiros Celtas ou Agrupación Deportiva Vincios, amosaron a súa disposición a volver outra xornada.

Seguimos a necesitar axuda para terminar de retirar totalmente este eucalipto rexenerado do monte veciñal de Vincios. Por isto, facemos de novo un chamamento para que todos aqueles que queiran colaborar nesta tarefa se poñan en contacto coa Xunta Reitora da Comunidade de Montes para organizar a xornada de traballo”, explican dende a Comunidade de Montes.