CEDIDA // Contamos Todas

A Tropa de Trapo continúa este xoves na Guarda a nova edición da xira ‘Contamos todas’, un espectáculo a prol da equidade de xénero que percorrerá sete concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no mes en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A actuación desenvolverase este xoves día 8 de novembro, a partir das 12.30 horas, no Centro Cultural da Guarda, onde a compañía compostelá mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar á rapazada de 3º e 4º de ESO dos centros de secundaria do municipio.

Centrada na desigualdade e na violencia de xénero, a sesión abrirase cos contos ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘Liberia’, exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, casos de empoderamento, rebeldía e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión das e dos estudantes, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida.