Luceiro será devuelto al mar tras su recuperación en Nigrán

A CEMMA celebra o día mundial dos océanos coa charla: «O regreso das fillas de Ith: os lobos mariños de Galicia». Durante a mesma exporase a situación dos lobos mariños na costa de Galicia e o labor que a CEMMA realiza a través da Rede de Varamentos na asistencia e recuperación das tartarugas e mamíferos mariños.

A charla terá lugar este sábado, ás 11:00 horas, no auditorio da Casa das Navegacións en Baiona. Alfredo López, doutor en bioloxía mariña pola Universidade de Santiago, investigador da Universidade de Aveiro e responsable dos programas de Educación Ambiental da CEMMA, será o encargado da conferencia.

Aínda que o obxectivo é un grupo de sendeiristas organizado pola Fundación Deportiva da Universidade de Santiago, a conferencia está aberta ao público ata completar aforo.

Máis de vinte cinco anos da Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia está baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.