A programación cultural da Deputación achegará a Baiona a exposición “Rexas, mulleres baixo o terror franquista”, unha mostra coa que se pretende homenaxear ás mulleres represaliadas da provincia de Pontevedra.

A inauguración terá lugar mañá ás 20:00 horas no concello de Baiona e, a continuación, proxectarase na biblioteca do concello o documental “Matriarcas”, de Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial. Posteriormente, haberá unha charla con Montse Fajardo, comisaria de “Rexas” e participante no documental. A mostra estará presente nos Baixos do Concello de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas, ata o 18 de outubro.

Hai que lembrar que “Rexas” recolle exemplos de mulleres pontevedresas afectadas por todas as tipoloxías de represión, desde as vexacións sexistas e as persecucións, ata as torturas e asasinatos. Toda a información relativa á historia das mulleres homenaxeadas está organizada en 12 paneis que inclúen preto dun centenar de fotografías.

Esta mostra, promovida polo departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra, busca contar a historia da represión rexistrada en Pontevedra tras o golpe de Estado de 1936 dende o punto de vista das mulleres. Na ducia de paneis que a compoñen conta a historia de 172 veciñas da provincia, a quen deste xeito e con esta mostra se lles rende unha homenaxe.