O Mercado Municipal de Tomiño acollerá entre o 21 de maio e o 21 de xuño a novidosa mostra arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello. Os municipios teñen un papel chave no cumprimento destas metas fixadas pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, pero para acadalas o primeiro paso é dalas a coñecer, e mellor se se fai dun xeito entretido, empregando o humor e a retranca que nos caracteriza para facelas máis comprensibles.

Na exposición ‘Os ODS. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá’, cada un dos 17 Obxectivos está representado por unha viñeta dunha autora ou autor, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau. A través das obras destes 15 debuxantes, preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Ao tempo, búscase concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

O Fondo Galego volve apostar así por accións que vinculan a sensibilización co mundo da arte e da cultura, co fin de implicar a este sector e visibilizalo. Ademais, fíxose un esforzo especial por incorporar autoras, tendo en conta que a banda deseñada é un xénero especialmente hostil para as mulleres, non só pola perpetuación dos roles de xénero senón tamén por manter ás ilustradoras nun segundo plano.

Na exposición podemos atopar as sinaturas de Neivaldo Nhatugueja, Iago Araujo, Pablo Rosendo, Roberto Mendes, María Nóvoa, Alberto Fortes, María Vilar, Jano, Alicia Jaraba, Clara Patiño, Paula Esteban, Noemí López, Laprislazuli, Tokio e Luis Davila. A mostra resulta tamén innovadora polo seu formato, xa que as ilustracións van montadas sobre grandes caixas de cartón, e incorpora asemade unha unidade didáctica, pensada inicialmente para Secundaria.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.