Castelao

A figura capital da historia das artes en Galicia, Castelao, chega ao Porriño cunha proposta escénica para a infancia. A compañía Culturactiva Produccións, a través da Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, trae este venres ao Porriño a súa obra de teatro infantil e familiar “Castelao”.

A obra, cun texto de Paula Carballeira coa dirección de Fina Calleja e Mónica Camaño e Cris Collazo en escena, presenta a un Castelao de 8 anos na súa vila natal. Divertido, feliz, alegre e aventureiro, buscando en todo momento a identificación do público con el.

Unha montaxe de ritmo trepidante. A tensión dramática desta peza cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara a Arxentina de Castelao e a súa nai. E mesmo antes, da man de Baltasara, comezará un percorrido trepidante coa urxencia que a inmediatez da partida garante. Queda pouco tempo, as horas antes de embarcar escorregan entre os dedos e a ausencia do neno da casa familiar faráse notoria para Xoaquina.