Co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra o vindeiro 11 de febreiro, o IES A Sangriña da Guarda organiza unhas charlas a cargo de importantes científicas galegas que terán lugar durante estas dúas semanas.

A oceanógrafa e responsable da Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia, Luisa Martínez, xunto con Aurkene Belasco, investigadora do ECIMAT (Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo) abren este ciclo de charlas que busca pór en valor o traballo de mulleres de ciencia ao mesmo tempo que proporcionar referentes para a rapazada.

O vindeiro xoves estará no centro Verónica Salgueiriño, Investigadora do CINBIO (Centro de Investigación Biomédica) e profesora do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, e coas charlas de Carmen Rivas, científica titular do CSIC e investigadora do CIMUS (Centro de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC) e Carmen Carneiro, investigadora do CIMUS (Centro de Investigación de Medicina Molecular e Enfermidade s Crónicas da USC), pecharemos o venres 14 este ciclo dedicado á Nena e a Muller na Ciencia.

O IES A Sangriña da Guarda, é un instituto que se caracteriza polo firme compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta, obxectivo que se traballa desde as aulas e tamén con múltiples actividades coma esta, coordinadas desde os Equipos de Biblioteca e Igualdade, que contan coa implicación de boa parte do profesorado e alumnado.