O pasado 31 de xullo rematou o prazo de presentación ao certame poético VictorianoTaibo que convoca o Concello de Gondomar, en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, IEM. A esta que xa é a XI edición concorren 59 orixinais, a maior participación colleitada por este certame até o de agora.
A decisión do xurado será dada a coñecer na segunda quincena do mes de setembro e a entrega do premio terá lugar o día 17 de novembro no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Nesta Edición e como adianto da celebración do vinte aniversario do IEM, celebrarase a I Semana Poética Victoriano Taibo, que consistirá en facer que a poesía ocupe fachadas e espazos públicos durante os días previos á entrega do certame. Nesta Semana poética participarán diferentes autores e exhibirnase versos de Taibo, dos autores galardoados con este premio e outros autores galegos e universais que son referentes na poesía de todos os tempos.
Nas dez edicións anteriores resultaron galardoados os poetas: Carlos Negro con Cultivos Transxénicos, Mª Carmen Caramés con Cuarto Minguante, Elvira Riveiro e Silvia Penas con Biografía da Multitude, Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles, Calros Solla con Holocausto Zacoe, Conchita Álvarez Lebredo con Distancias e Simetrías, Ramón Sandoval con Territorios Estraños, Lara Rozados con O caderno amarelo, Iñaki Varela conDo outro lado das portas, Xosé Iglesias con A relixión do mar e Rafa Vilar por Erosións.
Victoriano Taibo, poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho.
Publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lendas (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, Abicedo e Cabrinfollas, que foron publicados en 2008 pola editorial Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana.
No ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.