Vinte e cinco anos de paixón polo cine e achegando a numerosas xeracións á maxia da sétima arte. O Cineclub Poleiro celebra este ano o seu cuarto de século de vida con orgullo e con moita ganas de seguir traendo a Tomiño “ese cine representativo que non está tan accesible nas salas a través de oito películas ao ano”.

O cineclub naceu en marzo de 1998 ao abeiro da asociación cultural Eliseo Alonso cun obxectivo claro: servir como xermolo de promoción cultural no Baixo Miño propoñendo puntos de encontro cultural a toda a veciñanza.

Primeiro no Cine Avenida da Guarda e logo no auditorio municipal de Goián, coa actividade do cineclub “quixemos achegar o cine de calidade a unha comarca que durante as últimas décadas foi comprobando como os cinemas foron desaparecendo dos seus concellos. Pensamos que a selección de películas que fixemos ao longo destes anos constituíu unha boa forma de dar a coñecer modestamente unha representación do cine máis actual, lonxe moitas veces dos circuítos comerciais”, como sinala Ramón Álvarez, actual presidente do cineclub.

Integrado dende o primeiro momento na Federación Galega de Cineclubs, que lle brindou o seu respaldo dende o primeiro momento, para o Cineclub Poleiro non había mellor forma de festexar os seus 25 anos de vida que coa celebración dunha asemblea da federación en Goián, á que precedeu unha recepción no Concello de Tomiño, que cada ano brinda o seu apoio ao cineclub.

Ao longo destes 25 anos, veciños e veciñas creceron co Cineclub Poleiro descubrindo grandes películas, directores e actores e actrices e unhas propostas “que cremos sempre interesantes para unha sociedade como a nosa, que mantén o espírito orixinal da asociación Eliseo Alonso e incorpora ideas como unha visión trasnfronteiriza”.

“A pandemia cambiou as nosas vidas, empezamos a desfrutar máis das plataformas, sentados no sofá da nosa casa. Pero para todas e todos nós é un gran descubrimento ver que o público segue saíndo da casa para sentarse ante a gran pantalla, participar e compartir con nós esa paixón polo cine”, resalta Álvarez.

Cada ano o CineClub Poleiro organiza dous ciclos de cine con catro proxeccións cada un os primeiros xoves de mes e saca á venda un abono para que a veciñanza desfrute do cine e da cultura a un prezo asequible.

Poleiro forma parte da Federación de Cineblubs de Galicia, que “fai un gran labor altruísta para divulgar a sétima arte en lugares rurais nos que o cine desaparecera”. Esta federación é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro creada en 1984 que actúa como xestora da práctica totalidade dos cineblus galegos, prestando servizos de asesoramento e organización de proxectos, programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate…

Dende a súa creación formalizou ademais acordos cos cineclubs de Portugal que levaron, por exemplo, á creación da Comisión Luso-Galaica de Cooperación Cinematográfica e Cineclubista. A Federación galega pertence ademais á Confederación de Cineclubs do Estado Español e á Fédération Internacionale des Ciné-Clubs (FICC), coa que ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quijote, que se outorga en diversos festivais internacionais como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.