CEDIDA

Conscientes dos efectos negativos que o uso de herbicidas e, concretamente o Glifosato, poden ter na saúde das persoas e no medio (e o impacto resultante que pode ter sobre sectores produtivos como a apicultura, agricultura e a destrución do emprego e da actividade económica local), nos concellos de Gondomar e Nigrán, entre outros, acordouse eliminar o emprego de Glifosato e outros medios químicos nocivos e a promoción de métodos alternativos non contaminantes, como recomenda a lexislación vixente.

Porén, estes territorios aparecen queimados con herbicidas ano tras ano polas fumigacións efectuadas pola Xunta no mantemento das vías e espazos da súa competencia, impedindo na práctica protexer a saúde e o medio como se pretendía coa aprobación dos acordos locais contra os herbicidas, ademais de contradicir as propias recomendacións da Xunta aos Concellos de “empregar métodos mecánicos se non hai estudos que motiven a aplicación de produtos fitosanitarios”.

Isto levounos a varios colectivos (ADENCO, Co-Mando Ghichas, Verdegaia e Véspera de Nada) a promover unha campaña solicitando aos Concellos afectados que unan forzas e se dirixan ao goberno autonómico esixindo que deixe de fumigar nos territorios que, por decisión veciñal, acordaron estar libres destes agrotóxicos, (o que xa hai tempo leva esixindo a veciñanza e algúns colectivos ecoloxistas).

Nigrán xa mostrou o seu interese na campaña. Contamos con que se sumen os demais concellos antes do fin de mes, data en que remata a proposta de acción dos concellos cara a Xunta., e que se espalle esta toma de conciencia co tempo a outros concellos que non están aínda sensibilizados sobre o problema que supón o uso destes produtos, e conseguir unha Galicia libre de herbicidas.

«Agardamos que a Xunta escoite as demandas e dea cumprimento á lexislación e ás súas propias recomendacións, cesando inmediatamente as fumigacións e empregando métodos non tóxicos para o control das herbas nas nosas contornas en prol da protección do medioambiente e da saúde«, indican dende Co-Mando Ghichas.