Archivo. Visita a los petroglifos de A Cabeciña en Mougás

A partir deste xoves 28 comezan as visitas guiadas ao patrimonio arqueolóxico de Oia, promovidas pola Asociación Costa dos Castros, o Concello de Oia e empresas colaboradoras como Terras Gauda. As visitas durarán todo o verán, son gratuítas e teñen por obxecto dinamizar o turismo da zona.

Costa dos Castros comeza a súa tempada estival cunha batería de visitas guiadas ao patrimonio arqueolóxico do Concello de Oia. As visitas van orientadas a un público xeral, son gratis e ofrécense diariamente ata setembro.

As visitas teñen dous formatos. Por unha banda, unha serie de visitas con horarios fixos e por outro, as que só se farán baixo demanda de grupos. Dentro das visitas regulares ofertadas están as seguintes:

  • Visitas diúrnas á Cabeciña (diarias, excepto luns): Ofrécese un percorrido polos 4.000 anos de historia deste complexo arqueolóxico dende os petróglifos ata a actualidade, pasando pola época castrexa e as formas de vida tradicionais. A visita ten un carácter moi aberto e inclusivo para todo tipo de público, que ademais desfrutará coas incribles vistas deste promontorio.
  • Visitas nocturnas á Cabeciña (venres e sábados): Estas visitas céntranse nos petróglifos que se farán visibles pola luz das lanternas. Unha visita máis evocadora para desfrutar do luar, das estrelas e do son do mar mentres nos achegamos a estes gravados ancestrais.
  • Visitas ao barrio do Arrabal (sábados e domingos): Trátase do barrio que rodea o Mosteiro de Oia. Nesta visitas coñeceremos a vida duns monxes artilleiros, un sistema de pesca ancestral, as casas de patín e os edificios que tiveron unha especial relación co Mosteiro, como a cárcere ou a tafona.
  • Visitas a Terras Gauda (diarias): Esta adega abre as súas portas aos visitantes para lles introducir ao mundo da uva e a vide coas calidades singulares dos viños do Rosal e de Terras Gauda en particular. A visita ten un custe de 5€ e inclúe un paseo en microbús polos viñedos e cata de dúas variedades de viño.

Estas visitas regulares tamén se poden solicitar para grupos pequenos fóra dos horarios fixos.

Ademais, a Asociación Costa dos Castros ofrece visitas que se realizarán baixo demanda de pequenos grupos: ao xacemento de Chavella coas súas espectaculares vistas, ao castro de Cano dos Mouros para coñecer ás súas lendas e ao petróglifo de Auga dos Cebros, cunha representación dun barco mediterráneo do II milenio a. C.

Para máis información, horarios e reservas pódese chamar ou contactar por Whatsapp ao 666435832, escribir a costadoscastros@gmail.com ou consultar na web (www.costadoscastros.com) e Facebook (www.facebook.com/costadoscastros) da Asociación Costa dos Castros.