A Concellaría de Mocidade de Tomiño organiza a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), tres novos obradoiros pensados especialmente para a xente moza do concello.

Trátase de tres propostas formativas que poden abrir camiños ás mozas e mozos no mundo laboral. En primeiro lugar, un “Faladoiro de Inglés”, no que unha profesora guiará as conversas entre as persoas asistentes, arredor de temas de actualidade e interese. “Adquirir soltura e destreza na fala de xeito práctico será o obxectivo principal deste obradoiro”, explica Fátima Rodríguez, concelleira responsable da área.

A actividade, que terá unha duración total de 16 horas, impartirase, en principio, os martes de 20.00 a 22.00 horas no Mercado de Tomiño. As mozas e mozos que se apunten deberán ter 12 anos ou máis; preferiblemente, nivel medio en lingua inglesa, e abonar 15 euros en concepto de inscrición.

Outro dos obradoiros que comezarán en breve é o de “preparación de cócteles e bebidas sen alcohol”. Este taller, de 4 horas de duración, impartirase durante dous mércores consecutivos (12 e 19 de setembro), de 20.00 a 22.00 horas, tamén no mercado de Tomiño, cunha inscrición de 10 euros e unha idade mínima de 16 anos.

Por último, o día 13 de setembro comezará un curso de “lingua de signos” de 30 horas de duración, no que o alumnado, de 16 años en diante, poderá coñecer as técnicas instrumentais no uso da LSE (Lingua de Signos Española), así coma de comunicación e intercambio de información entre as persoas oíntes e as persoas xordas. Esta actividade impartirase os xoves de 19.00 a 22.00 horas, na Escola Obradoiro de Goián, cunha inscrición de 15 euros.

As inscricións poden facerse a través da páxina web do Concello:

Por outra banda, a OMIX organiza tamén en setembro, unhas xornadas de emprego e innovación colaborativa destinadas a persoas emprendedoras que desexen repensar o seu negocio e facelo máis competitivo mediante técnicas innovadoras, ou desempregados que precisen reciclarse para acceder ao mundo laboral por conta propia ou allea.

Inscricións gratuitas e máis información neste enlace: Inscricións.