Ánxela Fernández

La alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández, lanzó este lunes un comunicado a los vecinos con motivo del comienzo de la cuarta semana de confinamiento.

Comezamos a cuarta semana de confinamento, mais sabemos que a loita contra o COVID-19 e o Estado de alarma vanse prolongar. Por iso, quero enviarvos a todos os veciños e veciñas unha mensaxe de agradecemento e ánimo no meu nome e no de toda a corporación.

Grazas a esa gran maioría responsable e respectuosa que estades antepoñendo o interese colectivo actuando con total solidariedade ficando na casa. Se os datos comezan a arroxar certa luz é grazas a todos e todas vós.

Aproveito para agradecer o gran labor que están a desenvolver todas e todos os profesionais dos servizos esenciais, que fan que poidamos levar esta situación da mellor maneira, aos grandes profesionais do ámbito sanitario e a todas e todos os profesionais do Concello que están a traballar cun grao de implicación máximo nestes intres.

No Concello do Rosal desde o primeiro momento estamos traballando arreo as 24 horas, a disposición sempre das autoridades competentes e tomando decisións diarias en colaboración coas mesmas; transmitíndovos toda a información, medidas e cambios desde o primeiro minuto; atendendo a todas as demandas dos veciños e veciñas; en comunicación directa co ámbito educativo e en colaboración constante co noso Centro de Saúde.

Damos resposta a todas as emerxencias sociais crecentes derivadas da situación de confinamento desde a área de servizos sociais e coa colaboración e experiencia de asociacións e de organismos como a Cruz Vermella, Protección Civil e a propia Policía Local na entrega de bens básicos. Sen ir máis lonxe, nesta última semana duplicouse a entrega de alimentos. 

Estamos facendo un esforzo imprescindible na recollida do lixo e reforzando a información na importancia da correcta xestión e separación do mesmo nestes intres, así como na desinfección de todos os contedores e de todas as zonas máis sensibles do núcleo urbano e dos barrios en colaboración coa asociación de adegueiros do Rosal. Reforzamos tamén a limpeza e desinfección das instalacións municipais en uso como pode ser o noso mercado, no que se implementou un protocolo de medidas de prevención.

Vimos de realizar recentemente un pleno extraordinario histórico no que se aprobou pola unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito para axilizar o pago de todas as facturas aos provedores do Concello. Suspendéronse os pago das taxas e impostos municipais recadados pola ORAL ata o fin do estado de alarma, que afecta a tributos como IBI, lixo, auga, sumidoiros, vehículos, IAE ou plusvalías, entre outros. Colaboramos con profesionais do ámbito da psicoloxía do noso concello para facilitar recomendacións coas que afrontar estes tempos e traballamos en actividades, iniciativas e programas propios para sumar na superación da situación do confinamento, entre outras cuestións.

Desde a xestión política e pública é o momento da sensatez, da suma, da honestidade, da implicación máxima e da responsabilidade.

Dúas son as prioridades esenciais nas que temos e compartimos o noso esforzo, ocupación, preocupación e dedicación. En primeiro lugar, a saúde das persoas e, en segundo lugar, as consecuencias socioeconómicas de toda esta realidade que nos tocou vivir.

Valoremos todas aquelas pequenas cousas do noso día a día que adoitan pasar desapercibidas, as persoas que sentimos preto e que queremos. Reflexionemos e pensemos conscientemente na grande importancia que ten a defensa e a aposta clara pola nosa sanidade pública.

Non podemos baixar a garda se queremos recuperar a normalidade canto antes. É momento de ser responsables, respectuosos, de manter a calma e de sacar o mellor de nós para superar esta loita e reto colectivo que temos por diante e do que xa estamos a aprender moito das cousas importantes das nosas vidas.

Sen dúbida, xuntas e xuntos superarémolo. Conto con todos/as vós!

Moito ánimo e forza a todas e todos!”

#EuQuedoNaCasa
#XuntosSuperaremolo