FOTO CONCELLO

Diante das informacións publicadas nos últimos dias nalgúns medios de comunicación e nas redes sociais, referidas á ocupación do poboado castrexo por parte dalgunhas persoas que o usaron para xuntarse a comer, o Concello da Guarda informa que, como ven sendo habitual desde xa hai uns anos, tanto o domingo do monte como na romaría de Santa Trega o 23 de setembro, o xacemento arqueolóxico delimitase co fin de disuadir aos romeiros e visitantes de comer nesa zona.

A pesar da ocupación da zona delimitada que se produciu o domingo do monte, non temos constancia de que se detectara ningún tipo de agresión que provocara danos nas estruturas. Queremos facer constar tamén que algunhas persoas que foron advertidas de que non debían utilizar a zona arqueolóxica para comer, retiráronse da mesma antes do xantar.

Dende o concello pedimos a colaboración cidadá para que en vindeiras edicións das romarías, tanto da festa do Monte como de Santa Trega, se respecte as sinalizacións que delimitan os espazos protexidos.

A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado do monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio.