Como é sabido por todos, este xoves deu comezo a Folga a Nivel Autonómico de Bombeiros. Na provincia de Pontevedra levan en folga dende fai uns meses, en Lugo dende o pasado 09 de xuño, en Ourense reactivase a folga convocada fai un tempo e en Coruña iniciouse este xoves.
A representación dos traballadores dos 4 Comités de Empresa dos Consorcios e da M.I.B. Galicia mantiveron unha reunión presencial para abordar os asuntos pendentes dende a Asemblea de Traballadores do día 05 de xuño.
Tal e como se quedara nesa reunión estase traballando nun Convenio Colectivo Común para os catro Consorcios e válido para os 24 Parques Comarcais de Bombeiros. Este documento será a base que se poñerá encima da mesa nas vindeiras negociacións coas correspondentes administracións, nunca antes de ser referendado polos traballadores.
Nesta reunión valorouse a situación que se está a vivir nos Consorcios e o alcance das medidas adoptadas na asemblea do 05 de xuño.
«Tal e como se avisara ás Administracións (Xunta de Galicia e Deputacións), en tódalas reunións previas a esta situación, era máis que evidente que o Servizo que prestan os Consorcios Provinciais de Bombeiros estaba nunha situación precaria, mal dimensionada e sen persoal suficiente para dar o servizo ó que están obrigados», sinalan dende os Comités.
«Soamente con que os Bombeiros realicen as súas quendas establecidas en cuadrante sen realizar ningunha hora extra xa é suficiente para que os Consorcios se vexan obrigados a cerrar Parques. Dende fai 20 anos estes Parques Comarcais teñen a mesma dotación de persoal«, aseguran.
«Non fixo falla -din- entrar en folga, cuns servizos mínimos abusivos, que por outro lado serán denunciados, para darse de conta que xa houbo que cerrar Parques de Bombeiros en Vilagarcía, Ribadumia, Porriño, Xinzo de Limia, Santa Comba, Cee,…»
Afirman que a representación dos traballadores está intentando poñerse en contacto cós responsables públicos para atallar esta situación e empezar a traballar nun Convenio Colectivo común para tódolos Bombeiros dos Parques Comarcais «e non seguir prolongando esta agonía que vai traer consecuencias moi graves para os cidadáns de a pe que, ante unha emerxencia, non van ter un Parque de Bombeiros que lles poida axudar».
«Aproveitando este comunicado, os representantes dos traballadores, queremos condenar e mostrar a nosa total desconformidade con calquera acto vandálico relacionado coa folga en curso«, rematan.