Comunidades de auga de Tomiño reciben e comparten experiencia con traídas doutras comarcas

A “Comunidade Xeral de Augas de Galicia” Coxapo Galicia, que na actualidade aglutina a unha parte importante das traídas galegas, en especial, na provincia de Pontevedra, cun total de máis de 68.000 socios, recibiu esta fin de semana a visita dun grupo de traídas de Ponte Caldelas, nunha excursión didáctica, a través da cal, as comunidades tomiñesas expuxeron o seu modelo de traballo e compartiron a súa experiencia.

Asemade, os concelleiros de Medio Ambiente e Obras, María Xosé Vázquez e Francisco Campo, participaron na actividade, explicando a primeira, a forma de traballar entre o Concello e as traídas de auga, e guiando aos visitantes o segundo, polas traídas de Sobrada e Torrón.

Coxapo, asociación sen ánimo de lucro nacida en 2006 na parroquia tomiñesa de Estás (Tomiño), agradeceu a labor do Concello de Tomiño, demais institucións e directivas das comunidades de augas, que “fan posibles estas visitas didácticas que producen sempre unha mellora na calidade de vida de veciños e veciñas, cos que estamos orgullosos de compartir as nosas experiencias”.

A asociación traballa xunto ao Concello pola defensa da auga de consumo no rural, tentando impedir que aquela se converta nun ben de negocio para algunhas empresas. “Traballamos para conseguir representación nas Conferencias Hidrográficas e Organismos de Cuenca respectivos, así como, en Augas de Galicia; abaratar os custos en analíticas, tramitacións, defensa xurídica, e defender as concesións outorgadas, e conseguir as renovacións das mesmas”, explican desde Coxapo Galicia.