Florencio Delgado Gurriarán

Lucenza – Ateneo de Nigrán organiza este venres 13 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal, unha conferencia do profesor Xesús Alonso Montero, que leva por título “Florencio Delgado Gurriarán: republicano, galeguista, exiliado”.

Filólogo, ensaísta e polígrafo, cunha longa traxectoria de docencia e investigación no ámbito da lingua e da literatura e cunha obra extensa, o profesor Alonso Montero é catedrático emérito da USC e membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, institución da que foi presidente.

Xesús Alonso Montero ven de publicar un estudo monográfico sobre o escritor homenaxeado neste Día das Letras Galegas, co título “Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio”. Publicado pola Editorial Galaxia, o libro poderá ser adquirido no propio acto da conferencia.

O profesor Alonso Montero estará acompañado nesta actividade polo presidente do Ateneo de Nigrán Xabier Méndez Martínez e pola profesora e integrante da directiva Camiño Noia Campos, que abrirán o acto e presentarán ao conferenciante.