Na reunión do pasado 5 de setembro ao carón da Casa Museo de Rosalía en Padrón, e de acordo cos compromisos adquiridos na Declaración de Touro por agrupacións locais de toda a comunidade, formalizouse a constitución do Consello de Forzas Locais de Galicia. Asistiron ao acto un número limitado de representantes seguindo medidas sanitarias que evitan a propagación do Covid-19.

O Consello ponse en marcha como unha ferramenta autoxestionada de coordinación entre agrupacións locais á procura dunha voz común nos vindeiros anos. Participaron no encontro representantes chegados dende Carballo a Gondomar, pasando por Muros, Touro, Samos ou Poio. As forzas locais entenden que o pluralismo político ten presenza real nas actuais corporacións municipais, máis que o que na actualidade representa o Parlamento galego.

Este novo espazo cooperativo e autoxestionado está aberto á incorporación de novas agrupacións locais entre iguais. Nas vindeiras datas, vanse ir incorporando colectivos ata a trintena con cadanseu posto, para facerse valer no Consello.

Asemade, este novo espazo de traballo local será un instrumento ao servizo da maioría social galega dende a base e a pé de obra, un amplificador dos movementos sociais que saiba escoitar e responder ás súas inquedanzas e demandas e mais para defender entre todas os servizos sociais básicos, coma a educación e a sanidade e loitar contra a exclusión social. Dende os concellos, as forzas locais demandarán que os remanentes municipais se destinen prioritariamente para o rescate social, co fin de combater a crise derivada da pandemia mundial que lle afecta con máis virulencia a aquelas persoas veciñas nosas máis vulnerables. Dende Galicia aseguran que queren e poden facer unha achega universal: pensar globalmente e actuar localmente.