O MUMI chega á súa 4ª edición co obxectivo de seguir construíndo novas e mellores formas de traballar pola música en vivo. Con ese propósito, a feira presenta un bo feixe de novidades como a colaboración coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa, que abre as nosas músicas ao mercado internacional; ou o Espazo Loja destinado á promoción dos traballos publicados polas editoras musicais.

Do 21 ao 24 de setembro, a eurocidade Tui-Valença volverá vibrar cun Encontro  Profesional de Músicas que prevé acoller a máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles propostas artísticas nas que se mesturan os novos traballos de proxectos consolidados coa vibrante nova escena musical que está agromando.

Un  total de 20 bandas e artistas que abrazan a diversidade estilística e que comparten en moitos casos un sustrato onde as músicas de raíz son a fonte da que beber. Unha selección de moitísima calidade onde estarán representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios.

Consulta aquí o programa completo