A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, e o Concello de Gondomar formalizaron hoxe coa sinatura dun convenio o acordo para levar adiante as obras de mellora do cruce que conecta o núcleo urbán da vila (rúas San Bieito e Emigrante) coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns.

No acto, no que estiveron a presidenta Carmela Silva, o deputado Uxío Benítez, e o alcalde Juan Francisco Ferreira, confirmouse que o investimento do proxecto será de 271.569,35 euros, aportados nun 70% pola institución provincial en nun 30% pola administración local.

Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, a obra xurde da solicitude do Concello polas moitas deficiencias da intersección, que presenta unha grande falta de seguranza viaria para os tránsitos peonís e o tráfico rodado. Destacou que foi o propio concello o que redactou o proxecto seguindo os novos criterios provinciais de mobilidade e o estilo de tratamento urbano do concello e que, a cambio da mellora, a Deputación transferirá ao Concello os treitos de vía reformados.

Coa nova actuación na zona, dixo Benítez, ampliaranse as beirarrúas ata os 2,5 metros de largo; crearanse zonas de convivencia pavimentadas con lastros; instalaranse elementos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados); melloraranse os servizos de alumeado público, recollida de augas pluviais e residuais; soterraranse as instalacións de enerxía e comunicacións; e adecuarase a parada de autobuses e as zonas de carga e descarga, dando unha maior calidade urbana á zona.

O proxecto tamén mellorará a conexión rodada das rúas San Bieito e Emigrante coas vías provinciais a Peitieiros, Chaín, e Morgadáns. A actual glorieta será demolida e darase un raio de xiro axeitado para favorecer o tránsito de vehículos grandes, xa que segundo dixo Benítez nestes momentos hai “certa confusión”.