Tras a compra de Povisa pola aseguradora estadounidense Centente (propietaria de Ribera Salud) o Comité de Empresa de Povisa e a Plataforma SOS Sanidade Pública, convocan unha manifestación para o vindeiro xoves, 24 de outubro ás 20:00 horas, na praza dos cabalos de Vigo.

Despois de anos de chantaxear aos seus traballadores e ao SERGAS con ameazas de peche, Povisa declara perdidas e vende por un prezo de ganga (24 millóns de euros) o hospital, a escola de enfermería e as consultas anexas a unha multinacional americana que xa ten demostrado que utiliza a fórmula de despedir persoal e recortar calidade na atención sanitaria para garantir as súas ganancias”, indican dende o Comité de Empresa de Povisa e a Plataforma SOS Sanidade Pública.

«Dende a maioría do Comité e a Plataforma rexeitamos esta compra por unha contía mínima e denunciamos a perda de oportunidade da Xunta de adquirir Povisa por 24 millóns de euros, garantindo a xestión pública dun recurso asistencial vital para a área sanitaria de Vigo», afirman.

«A compra de Povisa por parte da Consellería de Sanidade permitiría garantir unha prestación sanitaria a toda a poboación da área sanitaria de Vigo desde o sistema público e facilitaría o seu desenvolvemento sen estar ao servizo dos intereses privados», aseguran.