Ideas Peregrinas e o programa O teu Xacobeo presentaron esta mañá “Pequegrino”, unha iniciativa que pretende divulgar os valores do Camiño de Santiago nos máis pequenos.
Trátase dunha credencial para todos os nenos que queiran ter a súa primeira experiencia como peregrinos en Tui. Deberán facer un pequeno trazado seguindo as frechas amarelas desde a Ponte Internacional ata a igrexa de San Bartolomé. Un trazado do Camiño Portugués que guarda unha enorme carga histórica, pois desde hai séculos é realizado por miles de peregrinos que deixaron rastro na peregrinación do Camiño de Santiago.
Do mesmo xeito que os peregrinos, os pequegrinos deberán recoller un mínimo de 3 selos deste mini camiño nunha credencial deseñada e pensada para os máis pequenos. Tras finalizar o percorrido na credencial se recollen unha serie de enigmas, e cada neno deberá acertar un mínimo de 3 como mostra da realización do persorrido e da aprendizaxe dos valores da peregrinación para que así poidan recibir un certificado como “pequegrinos”.
Ao acto de presentación asistíu Dona Cecilia Pereira Marimón, Comisaria do Xacobeo 2021 e Conselleira Delegada de SA de Xestión do Plan Xacobeo quen destacou o gran éxito de convocatorias de proxectos presentados ao programa “O Teu Xacobeo” «tivemos moito éxito porque valoramos 650 solicitudes das cales se aprovaron máis de 300. “ Pequegrinos” é un dos proxectos presentados que nos gustou dende o principio porque encaixa cos valores que se perseguen de promoción do Camiño na nosa poboación máis próxima partindo dende os máis pequenos».
Enrique Cabaleiro, Alcalde de Tui, aproveitou para felicitar a iniciativa e a necesidade de facer apostas de posta en valor, como a presentada por Ideas Peregrinas, vinculadas ao Camiño Portugués, «un camiño secular que require de impulsos polo seu valor histórico».
Ao acto tamén acudiron os principais protagonistas desta acción, nenos acompañados polos seus pais que mostraron o seu entusiasmo cando recibiron a súa credencial e o seu primeiro selo. «Sen dúbida, eles serán os mellores prescritores do Camiño de Santiago, estamos seguras que despois de lograr a súa primeira experiencia e contacto co camiño animarán aos seus pais para continuar facendo etapas ata Santiago», afirman as promotoras da idea Mónica e Silvana Crisóstomo.