O Concello de Nigrán e o clube ZarkoCan celebran durante toda a xornada do domingo 29 en Porto do Molle, o ‘I Mushing Popular Concello de Nigrán’, deporte canino espectacular con diferentes disciplinas e que ten a súa oríxe na ancestral forma de transporte nórdica, uso de cans de tiro para arrastrar trineos sobre superficies xeadas ou de neve.
Os asistentes a este evento poderán ver durante a mañá, e por vez primeira en Galicia, un duatlón canino ou probas máis coñecidas como canicross na que participarán o campión nacional Óscar Piñeiro ou o atleta ex-olímpico Alejandro Gómez, tamén entre os tres mellores de España.
Igualmente, terán lugar competicións de tiro con can como patín ou bikejoring, con bicicleta, e andaina canina ou cross running. As inscricións están abertas ata este domingo 22 á medioanoite en Galitiming (todas as disciplinas terán un custe total de 10 €, poidendo ir a varias sen custe adicional). Xa durante a tarde, celebraranse exhibicións de obediencia canina a cargo do club Zarkocan e de pastoreo de ovellas (moi pouco común no sur da Provincia) a cargo do Club Terras do Xesteira (Cuntis).
O emprazamento en Porto do Molle permitirá que o percorrido das probas resulte moi vistoso para os asistentes, que terán un campo visual prácticamente de todo o trazado por onde discorran. «Cremos que é unha oportunidade única para os amantes dos animais e da natureza e os deportes, tanto para participar como para ter a primeira toma de contacto coas diferentes modalidades de mushing«, explica o alcalde de Nigrán, Juan González. «Mediante o deporte, dende o Club Zarko Can queremos, sobre todo, sensibilizar sobre o que significa ter un can«, explica o seu responsable, Ángel Lira.