O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra resolverá a situación de inseguranza viaria que existe na intersección da estrada provincial EP-3101 no lugar de Cristelos, Tomiño, coa construción dunha nova glorieta.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación inclúe non só unha rotonda para regular o tráfico, senón tamén a instalación de elementos redutores de velocidade, a delimitación dunha zona de circulación peonil e unha nova parada de autobús, así como novos servizos de alumeado e drenaxe.

Segundo Benítez, a mellora da seguranza viaria na zona vén obrigada debido ao tránsito de peóns, coches e buses, xa que existe unha parada do autobús escolar que non está convenientemente sinalizada e tampouco hai un itinerario peonil seguro, posto que non hai cunetas e a beiravía está invadida de maleza.

O proxecto aprobado pola Deputación inclúe unha ampliación da calzada para a instalación da rotonda no punto quilométrico 3+780, onde será preciso un pequeno desmonte. A nova intersección resolverase cunha nova ronda de diámetro exterior de 28 metros e dous carrís de catro metros cada un.

Disporase de áreas peonís na nova parada de bus con espazos de sección media útil de 2,5 metros e crearase unha nova rede de alumeado público con 10 unidades de iluminación led, catro delas nunha columna no anel interior da nova glorieta.

O orzamento para esta actuación é de 131.441,31 euros, se ben existe unha proposta de adxudicación que será aprobada na vindeira mesa de contratación que rebaixa substancialmente a licitación ata os 108.964,8 euros.

A intención é que a formalización do contrato se realice nas vindeiras semanas, polo que o inicio da obra quedará para principios de verán. O prazo de execución logo do comezo dos traballos será de cinco meses.