A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou este luns no acto organizado pola dirección provincial do partido en Tui, no que destacou os case 30 millóns de euros postos a disposición dos concellos de Tui, Tomiño, A Guarda, O Rosal e Oia. “É o maior investimento feito nunca por esta Deputación nestes concellos”, indicou.

Acompañada polas candidatas e candidatos á alcaldía das vilas de Tui, Enrique Cabaleiro, A Guarda, Antonio Lomba, Tomiño, Violeta de Santiago, e Oia, Gerardo Rodríguez, Silva exixiulle a Feijóo que poña en marcha “un fondo de cooperación cos concellos dotado con suficientes recursos”, seguindo o modelo do Plan Concellos da Deputación, é dicir, “repartidos con criterios obxectivos entre todos os concellos de Galicia”.

«A Deputación de Pontevedra converteuse durante este mandato na entidade provincial de toda España que máis transferencias fai aos municipios», indicou Silva.

A presidenta quixo facer especial fincapé no reparto equitativo, “baseado nun modelo no que os recursos se reparten con criterios obxectivos e chegan a todos os concellos, sexan da cor política que sexan. A dispersión xeográfica dos habitantes do concello ou a súa idade convértense en factores que se teñen en conta á hora de asignar fondos, rematando coa época na que o presidente Louzán tiña á súa 20 millóns de libre disposición que repartía arbitrariamente».

Silva entrou máis polo miúdo nas cifras dos investimentos que chegarán ao final do mandato a cada un dos concellos: Tui percibirá case 6,8 millóns de euros; en Tomiño os investimentos ascenden ata os 9,3 millóns; 7,8 millóns foron para ás arcas da Guarda; no Rosal, 2,4 millóns; e finalmente en Oia recibiron transferencias por valor de case 2,5 millóns de euros.

Estas cifras supoñen un aumento dun 31,20% no caso de Tomiño, ou un 26,32% para A Guarda no que respecta aos investimentos feitos en 2015, cunha media de crecemento nestes concellos dun 20%.

Valoración das candidatas e candidatos

Enrique Cabaleiro, candidato á alcaldía de Tui e anfitrión do acto, denunciou a “parálise obvia” na que vive o concello “desde que en 2017 nos desaloxaron do goberno coa moción de censura”, engadindo que a cifra de investimentos paralizados supera o medio millón de euros.

A candidata de Tomiño, pola súa banda, mostrou o seu orgullo polo traballo feito desde o goberno de Carmela Silva. “O PSOE é o partido dos dereitos e a igualdade, e eu síntome orgullosa do traballo feito desde a Deputación nestes eidos”, explicou, dos que dixo que a institución provincial “é referente”.

Na mesma liña se expresou Gerardo Rodríguez, destacando a introdución de criterios obxectivos no reparto de fondos da Deputación como unha das grandes decisións deste executivo provincial. “Unha medida que beneficia a todos os concellos, sexan da cor que sexan”, afirmou o candidato á alcaldía de Oia.

Por último, o candidato á reelección na Guarda, Antonio Lomba, sinalou que a chegada das e dos socialistas á Deputación supuxo “un balón de osíxeno e independencia” para o seu concello. “Louzán tíñanos afogados e quería que seguísemos así”, denunciou.