Os días 14 e 22 de agosto, en Portecelo e San Xián respectivamente, o Concello do Rosal, acolléndose ao programa Cultura no Camiño, organiza dous días con espectáculos para todas as idades que combinan circo de rúa e música.

O día 14, na explanada de Portecelo:

  • Ás 20:00 horas actuarán os Monifates. Os Monifates son un dúo conformado por un músico e un artesán que confecciona os instrumentos empregados nas actuacións. O eixo central do seu espectáculo de rúa está formado por unha gaita tradicional, bombo e zanfona, intercalando entre as melodías outros artiluxios coma o pínfano, punteiros, gaita tumbal do século XIX, diversa instrumentación de percusión coma culleres, castañolas de peito, táboa de lavar, etc.Todo iso sen esquecer á parella de bailaríns que os acompaña, dous títeres de táboa.
  • Ás 21:00 horas actuará Sue Moreno. Sue Moreno é unha actriz, trapecista e bailarina que no seu espectáculo mestura técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico, todo iso empregando unha estrutura de 6 metros de alto e tomando o humor como partitura. A historia que nos relata preséntanos a unha muller no seu día a día, tentando conciliar traballo, vida e maternidade, e amosando as mil caras desa etapa desde un punto de vista divertido, tenro e, nalgúns intres, absurdo.

O día 22, en San Xián:

  • Ás 20:00 horas actuará Circanelo. Circanelo é teatro xestual, danza e acrobacia, é espontaneidade, sorpresa e diversión, entusiasmo, tenrura e enxeño. É unha personaxe de múltiples recursos que combina diferentes disciplinas tuteladas por un marcado rexistro clownesco para crear unha historia absurda sobre un artista coa intención de presentar o seu espectáculo a toda costa.
  • Ás 21:00 actuará horas Pepe Vaamonde Trío. Pepe Vaamonde Trío, como o seu nome indica, é o formato reducido da banda Pepe Vaamonde Grupo, mais nace tamén cunha clara idea musical. O seu repertorio nútrese dos catro traballos discográficos da banda, inda que facendo unha escolla de temas fondamente encamiñados ao baile tradicional. Son músicas orixinais pensadas para ser bailadas nun claro entorno de foliada.