O PSdeG-PSOE ten nova Coordinadora Comarcal na comarca do Baixo Miño encabezada polo secretario xeral e voceiro municipal do partido no Porriño, David Alonso Bargiela. A elección produciuse onte, nunha xuntanza celebrada en Tomiño na que Alonso recibiu o apoio unánime das agrupacións do seu concello xunto coas da Guarda, Oia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui. A xuntanza contou coa asistencia do secretario xeral provincial, David Regades, que aplaudiu o consenso así como a valía do novo coordinador comarcal.

“Contade con todo o respaldo da Dirección Provincial; entendemos como un acerto ter elixido a David Alonso”, afirmou David Regades. “Dende o partido reivindicamos o traballo que está a facer no Porriño, falando dos problemas reais da xente fronte a un alcalde que vive da propaganda e do fume, que chegou á Alcaldía por un pacto espurio e oculto cunha suposta forza de esquerdas”. Regades engadiu que «a morte da anterior alcaldesa, Eva García, foi un golpe que segue doendo e o Partido Socialista porá todo da súa parte para  recuperar esa Alcaldía”. “Que se lea tamén este nomeamento como un apoio explícito a David Alonso”, concluíu.

David Alonso agradeceu, xa como coordinador comarcal, a confianza de tódolos/as compañeiros/as e anunciou que asume como unha obriga deste cargo a “escoita e transmisión continua”. “Considero que é fundamental facer piña, poñer cousas en común, compartir información, cohesionar e coller toda a velocidade que sexa posible de cara ás próximas Municipais, nas que temos que seguir avanzando nesta comarca”.

O coordinador comarcal adiantou que a defensa da Sanidade Pública, que está a sufrir gravísimos recortes nesta comarca, ocupará un espazo central na súa axenda. “É un problema nos nosos concellos, onde a Atención Primaria está sendo esquilmada e a xente está quedando sen un servicio xa non básico, senón esencial”. “O Partido Socialista non pode tolerar nin calar diante do que está pasando e se xa estamos en tódalas iniciativas para denunciar e loitar contra a insensibilidade do PP con este asunto, estarémolo aínda máis”. Ademais, destacou que hai estradas autonómicas e provinciais que comunican varios concellos que terán un seguimento e, finalmente, que hai un consorcio de Augas do Louro a cuxa xestión hai que estar atentos/as.