A aposta polo turismo sostible como ferramenta para impulsar a economía foi protagonista durante a visita do candidato ao Congreso, David Regades, realizou a Panxón acompañado do alcalde de Nigrán, Juan González, e do delegado do Goberno, Pedro Blanco. O apoio do Goberno de España ao despregamento do turismo sostible en Galicia alcanza os 172 millóns de euros, dos que 1,5 millóns de euros tradúcense no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) no xeodestino Ría de Vigo-Despensa de Galicia.
David Regades agradeceu a visita do delegado do Goberno e recalcou que os Plans de Sostibilidade, que se nutren dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación do Goberno de España están financiando máis dun cento de accións en comarcas (tamén o Condado-Paradanta, Arousa e o Deza-Tabeirós) e en cidades e vilas como Vigo, Pontevedra, Baiona, A Guarda, Marín, Sanxenxo, O Grove ou Vilagarcía. En toda a provincia de Pontevedra estanse a investir máis de 23 millóns de euros en modernizar 12 destinos turísticos, que benefician directamente a 47 concellos.
“Pódese dicir que se apoia ao turismo, pero se só queda en intencións non serve de nada; hai que traducir ese compromiso en accións e investimentos reais”, remarcou Pedro Blanco.
O PSTD do xeo destino Ría de Vigo aproveita os potenciais gastronómicos desta comarca para darlle unha volta a este destino turístico, máis comprometido coa conservación do medio ambiente, innovador e dixitalizado, flexible e resiliente.
“Nigrán é un dos destinos turísticos de referencia en Galicia”, afirmou David Regades, quen recordou que está entre os primeiros en termos de demanda hostaleira e conta coa declaración de municipio turístico. Neste concello e na súa contorna hai ata 9 festas gastronómicas, que recibirán un impulso significativo no Plan de Sostibilidade Turística aprobado polo Goberno. “É unha achega histórica que representa o compromiso do Goberno co impulso deste destino e dos novos modelos de Turismo como motor de cambio para o desenvolvemento económico, a creación de emprego e a busca do equilibrio territorial”.
