Delafé
Delafé

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, contará co Concerto Mahou Cinco Estrellas de Delafé. 

O dúo de Barcelona achegaralle ao público asistente a súa música sobre o Escenario Mahou nunha “Sesión Mediodía Cañero”. Deste xeito, Delafé ofrecerá nesta edición do festival un concerto con algunhas das súas cancións máis emblemáticas e outras do seu novo disco, do que xa se puideron escoitar adiantos: “La gran ola”, unha oda á cotidianeidade; e “Menos cabeza más corazón”, unha canción adicada ao atleta Valentí Sanjuan. Con estes temas amosan o seu novo son máis electrónico, pero co que non perden a súa esencia.

A banda barcelonesa súmase ás revolucionarias Las Chillers, ao caos creativo e punk de Los Nastys, á música latina e o rock de raíces de Los Vinagres, aos galegos Novedades Carminha e ao pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse, xa anunciados previamente pola organización, que desvelará máis bandas nas próximas semanas.

O Concerto Mahou Cinco Estrellas de Delafé enmárcase na aposta de Mahou pola música, compartindo a paixón, a alma e a proximidade entre os artistas e o público e fomentando a vivencia de experiencias innovadoras coas persoas.

Actividades para todos os públicos:

O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, sesións DJ, obradoiros, charlas… Un sinfín de actividades que debuxan un “picnic pop festival” de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite.

E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.