Denuncian a existencia de pingueiras no pavillón de deportes de Panxón
CEDIDA

Nigrán Decide denuncia a existencia de pingueiras no Pavillón de deportes de Panxón, concretamente na súa entrada, unha delas a través dunha luminaria, “polo que pode entrañar un risco pola instalación eléctrica, instalación esta que conta cun informe que a ditamina como non satisfatoria“.

O Pavillón foi recentemente remodelado para garantir as súas condicións de seguridade. As obras, que comezaron o 20 de decembro de 2016, aínda non están recepcionadas polo Concello de Nigrán e, concretamente, o 5 de setembro de 2018 asinouse unha acta na que non se recepcionaba dita obra, razón esta pola que non se pode continuar coa reparación das cubertas na entrada do pavillón“, asegura o voceiro de Nigrán Decide José Cuevas.

“Ademais do informe que cualifica a instalación eléctrica como non satisfactoria, asinado en novembro do ano 2017, sen que se facilitase ao noso grupo municipal ningún documento de data posterior que acredite que as deficiencias que motivaron a non conformidade fosen subsanadas, nun informe de técnicos do Concello sobre unha visita de comprobación realizada o 7 de agosto detectáronse numerosas irregularidades na execución das obras referentes á ventilación, accesibilidade, instalación contra incendios“, afirma o voceiro .

As obras do Pavillón, un exemplo da incapacidade de xestión e da temeridade deste goberno.

“As obras de remodelación do Pavillón de Panxón son un exemplo da incapacidade de Xestión e da temeridade deste goberno“, sinala Cuevas, quen matiza que, “a pesar de que as obras aínda non están recepcionadas polo Concello e de contar con informes desfavorábeis, algúns sobre as súas condicións de seguridade, o goberno mantén as instalacións abertas, como se non pasase nada. Agora engádeselle a existencia de pingueiras, polo que desde Nigrán Decide se esixe ao goberno que adopte as medidas para garantir a seguridade do Pavillón”.