Nigrán Decide denuncia que, «tal como se puido constatar nos planos mostrados na xunta de voceiros celebrada o pasado día 9 de agosto, xa que non foi facilitada ningunha documentación, o equipo redactor do PXOM, co beneplácito do Goberno do PSOE de Nigrán, pretende urbanizar, cando menos, 63.000 metros nas marxes do Río Miñor; dos cales, 53.000 corresponderían á área de protección do Río Miñor, mediante a creación dun ámbito de solo urbanizable delimitado para uso comercial. Nas normas subsidiarias vixentes na actualidade, 30.000 metros cadrados deste ámbito que pretende crear o Goberno de Nigrán están clasificados como Solo Non Urbanizable de Protección e Conservación das Ribeiras do Miñor«.
«Cómpre destacar», indican, «que na memoria xustificativa sinálase: Na ribeira do río Miñor, ao seu paso pola Ramallosa, sitúanse algunhas naves industriais que limitan o desfrute dunha zona de especial valor ecolóxico e paisaxístico. Liberar este ámbito potenciaría a recuperación da ribeira como zona verde, para o cal sería conveniente estudar a posible recolocación destas actividades, polo que a introdución deste ámbito iría contra os obxectivos recollidos na memoria. De feito, de entre as dúas alternativas para o desenvolvemento do PXOM foi descartada a alternativa 1, precisamente polo incremento da presión urbanística sobre o esteiro do Río Miñor».
Dende Nigrán decide aseguran que «este incremento urbanístico contradí o acordado polo Consello Sectorial do PXOM de Nigrán que foi referendado polo pleno do 29 de xullo de 2010 cos votos favorables dos concelleiros do PSOE, entre os que estaba o actual alcalde«.
«No pleno celebrado o 29 de xullo de 2010 foron analizadas e votadas as suxestións realizadas polo Consello Sectorial do PXOM, entre as cales estaba a de restrinxir ao máximo a construción de edificacións e infraestruturas na franxa costeira ou a protección da marisma da Ramallosa, non incluída no LIC. Xa que da zona de protección do Río Miñor onde se pretende delimitar este solo urbanizable 48.000 metros corresponden á franxa de protección de costas, estase vulnerando o acordo do pleno de Nigrán referido á franxa costeira«, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide.