Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe catro convenios co Concello de Vigo para obras que ascenden a un total de cinco millóns de euros.

Así o confirmou o presidente, Luis López, que detallou que se trata de actuacións no Complexo deportivo das Travesas, cun orzamento de 286.000 euros, no parque Nelson Mandela de Navia, con 513.000 euros, no campo municipal de fútbol Sárdoma-Moledo, con 820.000 euros, e do proxecto do macroparque de xogos na Finca Matías, cun orzamento de máis de 3,2 millóns de euros.

En todos eles, a institución provincial faise cargo do 80% do financiamento, correspondendo o 20% restante ao Concello de Vigo. “Seguimos cumprindo co noso compromiso con Vigo. Seguimos aprobando recursos para continuar avanzando na transformación da que é a cidade máis poboada de Galicia e o seu grande eixo económico”, subliñou o presidente.

No caso da reconstrución do muro de contención no parque Nelson Mandela do barrio de Navia, cun orzamento de 513.000 euros, a Deputación achegará 412.000 euros que se corresponden co 80% do investimento. O obxectivo é reconstruír un muro que se atopa en estado deficiente e de garantir, en último termo, a seguridade dos peóns deste parque vigués e da contorna do centro de saúde de Navia.

Ademais, cun orzamento de 286.000 euros, financiando a institución provincial 225.000 euros, actuarase no Complexo deportivo das Travesas, onde se substituirá a cuberta do pavillón coñecido como “pista vermella” e melloraráse a envolvente térmica.

Por outra banda, apróbase o convenio para as obras de reparación do muro do campo de fútbol de Sárdoma-Moledo, das que a Deputación financia o 80% da obra, é dicir, 650.000 euros, e o Concello faise cargo dos 170.000 euros restantes. Os traballos consistirán na construción dun muro de contención de 7 metros de altura ao pé do talude, dando continuidade ao situado ao norte do campo das Relfas.

Entre as actuacións inclúense a demolición do pavimento deteriorado, no que se aprecian importantes fisuras e roturas, e a posterior reposición do firme na explanada, a execución do drenaxe mediante cuneta perimetral-as fendas favorecen a entrada de auga ao terraplén- e posterior conexión ao existente, e a retirada e reposición do peche perimetral con malla metálica. O prazo estimado de execución é de 5 meses desde o inicio da obra.

Por último, no proxecto da Finca Matías, do que a institución provincial financia 2,6 millóns de euros, facéndose cargo o Concello dos 670.000 euros restantes, remodelarase este espazo, situado entre a Travesía de Vigo e a rúa Aragón, para dotalo dun macroparque con área de xogos infantís inclusivos e non inclusivos e de xogos interactivos. Ademais adecuaranse os accesos, incorporaranse zonas veredes, instalaranse novos elementos de mobiliario urbano e modernizaranse, entre outras cuestións, as redes de subministro e a iluminación.

O presidente da Deputación, Luis López, lembrou que estes son os catro primeiros proxectos con cargo aos 5 millóns de euros que a Deputación ten reservados para Vigo e que se suman  “aos 6,2 millóns de euros xa destinados a diferentes actuacións en rúas da cidade, aos 13 millóns de euros da grada Gol de Balaídos ou aos 4,6 millóns da compra do Teatro Cine Fraga”.

E instou, ademais, ao Concello, “como xa fixemos no seu día e como nos comprometemos na anterior ocasión, a asinar publicamente os convenios e escenificar estes catro acordos necesarios e importantes para Vigo”.