concello de oia
ALFREDO // Concello de Oia

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento no concello de Oia ao abeiro do Plan Concellos. Trátase esta vez dunha axuda de 41.738,83 euros para financiar o subministro de sinalización vertical.

Ademais desta cantidade, o goberno provincial ao través do Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o municipio. En concreto, 49.161,34 euros na liña 1 destinados a financiar a reforma de parques infantís en Mabia, Torroña e Acevedo; ao subministro de maquinaria e material diverso, e ao subministro de cisterna.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra adxudicou 42.062,92 € para financiar os concertos de verán e os gastos de limpeza de edificios municipais. E tamén, outros 99.899,44 € foron destinados á financiación da contratación de 9 traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan de Concellos 2018.

A Deputación destina este ano a Oia, ao través do Plan Concellos, un total de 757.063,55 euros, un 74,58% máis que en 2017.