ALFREDO// "Muller despidiéndose"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, no Pazo Provincial, cos concellos de O Rosal, Oia e A Guarda, entre outros, o convenio para a doazón das esculturas da exposición “Nado en Pedra” da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.

A mostra da Escola de Cantería acaba de rematar o seu percorrido pola provincia e debido á súa boa acollida entre a cidadanía e o interese dos concellos, decidiuse doar as pezas escultóricas que forman parte da exposición. Así, O Rosal recibirá a escultura do “Gaiteiro”, para Oia irá o “Ferreiro” e A Guarda recibirá a “Muller despedíndose”.

“Nado en pedra” é unha mostra itinerante cuxa finalidade é pór en valor os traballos realizados dende a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. A exposición componse dunha vintena de pezas de gran tamaño, algunha delas de máis de 1.000 quilos de peso, que teñen por temática central a figura humana.

Algunhas das esculturas amosan oficios tradicionais da nosa terra como a ferrería, a costura ou a propia cantería, mentres que outras se centran en estampas da vida cotiá. A mostra percorreu con gran éxito algúns concellos da provincia, como, A Guarda, O Rosal ou Nigrán.