Mapa de intervención

O Consello da Xunta autorizou o proxecto de decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona, cun investimento autonómico de máis de 400.000 euros.

Esta intervención fai necesaria a expropiación de 10 propiedades, e destínase unha partida de preto de 18.000 euros ao pagamento dos terreos. Nas vindeiros días está prevista a licitación das obras por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como “punto negro” no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440.

Este proxecto está redactado no marco da estratexia que está a desenvolver o departamento de Infraestruturas da Xunta para intentar reducir os tramos de concentración de accidentes da rede autonómica de estradas.

Os traballos previstos neste tramo consistirán na mellora de interseccións en que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.

Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans, incorporada ao proxecto tras a información pública.

Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e reordenarase a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera. A actuación inclúe a sinalización dun cambio de sentido na intersección coa rúa Manuel González Prado, a execución dunha nova glorieta na intersección coa rúa Valle Inclán e a reordenación da intersección coa rúa Romana.

Ademais, segundo o proxecto aprobado polo executivo autonómico, executaranse pequenos tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. Finalmente, instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.