ALFREDO

Nun acto festivo, no que participaron peregrinos que están a facer o Camiño pola Costa, e veciños de Baiona, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polos deputados de Infraestruturas e Mobilidade, Gregorio Agís e Uxío Benítez, así como do alcalde de Baiona, Carlos Gómez e integrantes do goberno municipal, puxo hoxe en valor a recuperación de espazos para as persoas que está a acadar a institución no acto de inauguración das obras de mobilidade peonil e seguridade viaria na EP-2203, de Baredo a Loureza, e na EP-2202, de Baiona a Loureza.

Estes traballos, que ademais da mellora dos sendeiros incluíron a instalación dun miradoiro, tiñan por obxecto mellorar a mobilidade e seguridade das persoas, tendo en conta que a zona é moi transitada xa que por ela transcorre o Camiño de Santiago.

No acto de inauguración participaron tamén un grupo de peregrinos italianos que están a facer o Camiño. De feito pediron poder intervir no evento e, deste xeito, unha das peregrinas “quixo facer un regalo” cantando unha peza de ópera. Precisamente, Carmela Silva incidiu en que “o Camiño de Santiago é un elemento de atracción turística fundamental e prioritario, e queremos facilitarlle aos transeúntes que poidan desfrutar da nosa paisaxe, do noso territorio e o poidan facer con seguridade”.

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, -impulsor do proxecto de Baredo- subliñou que a actuación tiña como obxectivo principal aumentar a seguranza viaria da estrada provincial con condicións e dimensións dignas para a veciñanza e os peregrinos, facilitando a mobilidade a pé e adaptándose ás persoas usuarias e non só aos vehículos.

Benítez, que lembrou que as obras xurdiron dunha petición do Concello de Baiona, aproveitou para agradecer ao persoal técnico da Deputación o seu esforzo no proxecto, xa que dende a súa concepción no ano 2017 houbo que salvar o informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Finalmente, de feito, foi posible manter os 2,5 metros de ancho da senda peonil que o departamento de Mobilidade provincial consideraba necesarios para garantir a accesibilidade universal do itinerario peonil.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destacou que o Concello “vaise unir a este modelo da Deputación” e as iniciativas iniciadas pola Administración provincial, como a mellora deste tramo do Camiño. “Debemos estar agradecidos á Deputación por este tipo de iniciativas, non só pensando nos peregrinos e no Camiño Portugués –afirmou-, senón tamén en poñer en valor o noso rural, as nosas parroquias. O Concello de Baiona vaise unir a esta idea do que debe ser o presente e o futuro do noso pobo, da nosa provincia, do noso pais. Temos que pensar nun futuro que está moi condicionado polas accións que como sociedade temos institucionalizadas. Hai modelos de condutas que hai que cambiar”.