Deputación executará melloras de seguridade viaria nas rúas Real de Sabarís en Baiona, e Vigo e Celta na Guarda

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, no Pazo Provincial, cos alcaldes de Baiona, Ángel Rodal, e A Guarda, Antonio Lomba, os convenios de colaboración para a execución e financiación dos proxectos beneficiarios do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse).

Xunto á presidenta Carmela Silva estivo o deputado provincial Carlos López Font. Os concellos de Tomiño e Tui, tamén beneficiarios do Plan DepoRemse, asinarán os seus respectivos convenios nos próximos días.

O proxecto que se vai financiar en Baiona, a través do Plan DepoRemse, consiste na mellora da mobilidade e seguridade viaria na Rúa Real Sabarís, por valor de 341.319,18 euros, dos que o Goberno provincial financia 290.121 euros.

Pola súa parte, na Guarda vai financiar a través do Plan DepoRemse, a mellora da mobilidade e seguridade no entorno da Rúa Vigo e Celta. Ten un custo total de 588.235,29 euros, dos que a Deputación achega 500.000 euros.