Este venres, ás 19:30 horas, a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acollerá a inauguración da Exposición de Pintura “Músicas da Terra”, do artista pontevedrés Álvaro Novegil “Alvarellos”.
No acto de inauguración contarase coa presenza da Concelleira de Cultura, Elena Baz, do artista, Álvaro Novegil e do Zanfonista e luthier, Carlos do Viso.
Esta exposición recolle unha obra plástica de Alvaro Novegil, un artista de formación autodidacta que se inspirou nos pintores galegos expresionistas, contemporáneos e do século pasado.
Alvarellos plasma na súa obra, a forza das súas cores en fusión coas melodías que interpreta coa súa gaita. Amante da nosa música, gaiteiro e investigador folclorista no eido do toque pechado das Rías Baixas, imprime nos seus cuadros a elegancia e o señorío dos nosos bailes e a ledicia melódica da nosa música tradicional, Música da Terra.
A exposición de “Músicas da Terra” ven a amosar na Guarda unha homenaxe a os Gaiteiros, tanto nas súas formacións máis tradicionais –cuartetos- como tamén solistas ou tríos. Fai unha homenaxe aos gaiteiros de principios do século XIX -Perfecto Feijoo, Xoán Tilve, Manuel Villanueva- con esas gaitas tumbales e bordón de chión, temperando con xeito tradicional.
Merece un especial apartado tamén, os zanfonistas, tomando ese instrumento, gran descoñecido na Nosa música dende a idade media: A Zanfona. En “Músicas da Terra” se representan varias obras adicadas aos zanfonistas, algunha delas con tintes de abstracción.
Complementará a mostra o día 30 de novembro no Centro Cultural, ás 19:30 horas, unha interesante charla sobre “O toque pechado na gaita en Pontevedra”, a cargo do gaiteiro, músico e artista Oscar Ibáñez, que dará paso tamén ao Mestre de Percusión Andrés Vilán, que presentará o seu libro “Método de Tambor Galego”.
A inauguración da Exposición, o día 23, estará acompañada como artista convidado Carlos do Viso, mestre zanfonista e recoñecido Luthier, que a ben seguro fará as ledicias dos asistentes coa súa zanfona e as súas melodias.