O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o investimento de 120.000 euros para a mellora urbana da estrada provincial EP-2202 entre Baiona e Loureza (Oia).
Acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo; e o deputado e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o mandatario provincial comprobou o remate dunha obra que se completou en catro meses e que consistiu principalmente na ampliación da beiravía, a reposición do pavimento e a renovación da sinalización horizontal.
Os traballos centráronse nun treito de 400 metros desta estrada provincial na que os operarios construíron un muro de contención que permitiu ampliar a anchura da beirarrúa ata un mínimo 2,50 metros ao longo de todo o percorrido. Do mesmo xeito, elimináronse elementos deteriorados e en desuso, repúxose unha pasarela de 57 metros de lonxitude e mellorouse a seguridade dunha escaleira xa existente. O proxecto completouse coa renovación do pavimento e da sinalización horizontal ao longo deste treito.
A execución desta obra supón unha nova mostra do municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación, que despois de escoitar aos alcaldes, neste caso o de Baiona, que son os que mellor coñecen as necesidades dos concellos, pon os recursos e ferramentas necesarias para atender estas demandas o dotar de mellores servizos e infraestruturas á veciñanza.
A desta estrada non é a única obra en mecha impulsada polo organismo provincial en Baiona, no marco do programa de conservación de firmes tamén se reparou outro treito da EP-2202 e, por outro lado, está en fase de proxecto a mellora da mobilidade peonil na EP-2203 entre Baredo, Baiona e Loureza.