BNG

O BNG do Porriño denuncia a situación «privilexiada do mundo da orquestra no concello, dende a chegada de Alejandro Lorenzo á alcaldía; especialmente, certas compañías». Segundo so nacionalistas, «un só promotor de orquestras recibiu 80.000 euros, e isto sen incluír o caché da Orquestra Panorama, unha habitual para as festas do Porriño que é das máis cotizadas do país».

Ademais, a forza nacionalista ten denunciado a recorrente contratación de Djs ou xente do espectáculo «que foron nas listas municipais ou que foron ou son, actualmente, concelleiros do PP local». “Encontramos na política cultural de Alejandro a mesma filosofía ca na xestión do urbanismo: aquelas persoas que están no círculo máis próximo do PP son, claramente, beneficiadas. Esta é unha práctica inxustificable que os porriñeses deben coñecer”, remarca Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño.

Restrinxir a política cultural dun concello ó modelo de festa é limitador e moi custoso para as arcas públicas. Toda a cidadanía do Porriño ten dereito a poder gozar dunha programación cultural diversificada e estable. Non é xustificable que todo o orzamento de cultura do noso concello se destine a un mesmo tipo de formato: o da festa”, indica o concelleiro nacionalista.

Apuntan que os porriñeses, para poder acudir a outro tipo de concertos ou espectáculos, teñen que buscalos nos concellos da contorna, como Tui, Salceda, Nigrán ou Tomiño. “A todas e todos nos pode gustar a festa, pero existen outros modelos que tamén merecen ser atendidos, especialmente, cando se están a gastar recursos públicos”.

No pleno do mes de marzo, as contas presentadas polo Goberno do PP do Porriño mostran que, «por primeira vez nos últimos tempos, o Concello entrou en déficit«. Pedro Pereira insiste en que “é responsabilidade do goberno local administrar os recursos de todas e todos. Apostar por un lecer monocorde e de tan alto custo non axuda nin ás contas nin á riqueza de oferta cultural para a cidadanía. Ademais, é curioso que, cando Alejandro Lorenzo chegou ó poder, insistía en que non había recursos. Os feitos están a demostrar que non era certo e que todo o remanente que había está a ser gastado cun criterio que nos desaprobamos”.

Rematan dicindo que este tipo de espectáculos prodúcenlle numerosas molestias ás veciñas e veciños que viven no centro. «Ruído, sucidade e graves danos están a ser unha normalidade neste tipo de macroeventos». No último pleno, aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que se recolle a necesidade de elaborar un mapa de ruídos que respecte o descanso da veciñanza. “Dende o BNG, alegrámonos de que o goberno do PP se estea a dar de conta dos efectos prexudiciais que tamén produce o seu modelo cultural. Ó Porriño non nos interesa converternos nun lugar que se asocie cun lecer suxo e irrespetuoso, incompatible co benestar da veciñanza. Xa outros territorios do estado nos ensinaron que esa non é unha boa escolla”, advirte Pedro Pereira.