A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Cooperación Transfronteiriza, vén de organizar unha nova edición das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza.

Entre as propostas de balde para o público haberá unha andaina popular, rutas de sendeirismo, balsismo, caiac, visitas culturais, degustacións de viño e observación de estrelas que se desenvolverán entre o vindeiro domingo 30 de abril e o 4 de xuño a cargo da empresa Xeitura. As inscricións nas actividades –60 prazas- abriranse os luns anterior á celebración e cubriranse por estrita orde de chegada na web da Deputación.

A intención da programación é novamente, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha.

Unha cuestión fundamental, segundo subliñou o nacionalista, é realizar o aproveitamento do potencial turístico da zona de maneira sustentable e racional para así garantir a calidade da oferta como un destino tranquilo e sen aglomeracións de maneira sostida no tempo.

O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición en 2020, cando a pesares de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando as prazas dispoñibles en apenas minutos.

Andaina popular

As actividades de ecoturismo comezarán na última semana deste mes de abril. O domingo 30 de abril haberá unha ‘andaina popular’ cun percorrido de 15 quilómetros que comezará en São Sebastião, (Vila Nova de Cerveira), e seguirá ao longo da Ecopista do Miño ata Goián, (Tomiño), cruzando o Río Miño por un das súas pontes internacionais.

O roteiro é lineal e de dificultade baixa (recomendado para crianzas maiores de 12 anos afeitas a andar) e terá unha duración aproximada de catro horas, dende as 10 da mañá. Será un paseo entre viñedos e campos de cultivo a través dos que as persoas participantes poderán conectar co río, explorar praias fluviais e insuas que forman parte da Rede Natura 2000, e descubrir o rico patrimonio da zona.

Desenvolvida pola empresa Volta Montana, a andaina popular estará sinalizada sobre o terreo para poder seguila sen problemas, habendo persoal de apoio en puntos sinalados. Ademais, darase a cada participante unha ligazón á aplicación Wikiloc para seguir o roteiro comodamente co móbil.

O punto de encontro será a Alameda de Goián. Dende alí haberá autobuses para desprazarse ao punto de inicio en Cerveira. As persoas inscritas estarán cubertas con seguro de RC e accidentes e recibirán un paquete de merchandising da xornada. O número de prazas dispoñibles é de 60, e cubriranse por estrita orde de chegada, a partir do vindeiro luns 24 na web da Deputación.

A seguinte actividade dispoñible será o 14 de maio e terá lugar en Tomiño e O Rosal, cunha proposta de ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as dez da mañá ata as 19.30 horas. As inscricións estarán abertas dende o 8 de maio para maiores de 12 anos (imprescindible saber nadar).

O sábado 20 de maio a actividade desenvolverase entre Melgaço e Arbo. Incluirá unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo. Pola tarde haberá balsismo na zona de Arbo dirixido pola empresa Arrepións. A actividade é para maiores de 12 anos, sendo imprescindible tamén saber nadar. Comezará ás 10 da mañá e rematará ás 20.30 horas.

O sábado 27 de maio tocará visitar Monçao e Salvaterra. Farase unha ruta pola zona de Longos Vales, visitarase Salvaterra e o Museo da ciencia do viño cunha degustación (de 10 a 20 horas). O sábado 3 de xuño a visita será a A Guarda e Oia: farase a ruta das cetáreas o do Camiño de Santiago pola Costa, visitarase o Museo do Mar, unha adega da zona con degustación, o Mosteiro de Santa María de Oia cunha ruta de sendeirismo que rematará nos petróglifos da Pedreira, para despois cear ao solpor na zona e realizar unha actividade observación astronómica. A xornada comezará ás 10 da mañá e rematará ás 24 horas.

Finalmente, a última xornada será en Caminha o domingo 4 de xuño, onde se fará unha visita guiada á vila, unha ruta de sendeirismo circular (6 quilómetros) na contorna da praia de Moledo, para rematar cunha visita ao Forte da Ínsua xusto na desembocadura do Miño, ata onde se chegará en barca.