A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou en rolda de prensa a posta en marcha do I Concurso de Debuxo Infantil “Debuxa a túa provincia”. “Con esta iniciativa pretendemos que os nenos da provincia plasmen a súa visión dos recursos turísticos e elementos do noso patrimonio cultural e natural. Amais, así tamén traballaremos para axudarlles a coñecer a riqueza turística da nosa provincia”, explicou Silva.

Máis polo miúdo, os traballos deberán estar elaborados por nenos da provincia de ata os 14 anos de idade (incluídos). Así, haberá tres categorías: ata os 6 anos (categoría 1), entre os 6 e 11 anos (categoría 2) e de 11 a 14 anos (categoría 3).

O concurso consistirá en facer debuxos centrados na provincia de Pontevedra e plasmar os seus lugares preferidos, ben sobre o que representa a provincia ou como eles a ven. Para elaborar os traballos poderán empregar a técnica que desexen, sempre e cando sexa manual (lapis, ceras, témperas, acuarelas, etc.).

Os premios para os gañadores serán experiencias turísticas pola provincia. Desta maneira, para a categoría 1 será un taller de marisqueo; para a categoría 2 un paseo pola ría en barco científico, dende o porto náutico de Vigo; e para a categoría 3 unha visita á illa de San Simón e ao porto de Cesantes. O xurado valorará tanto a orixinalidade como a calidade e será o encargado de elixir as obras gañadoras, que se darán a coñecer o 31 de maio.

Para participar, na web Deputación de Pontevedra está dispoñible a lámina para que os nenos poidan facer o debuxo cun lema identificativo. No seu reverso escribiranse os datos da autora ou autor e o número de teléfono do nai, pai ou persoa titora legal, que tamén deberá asinar a autorización da participación da ou do menor e a aceptación das bases.

O prazo límite de presentación dos debuxos será o 30 de maio e deberá facerse nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra ou nas oficinas do ORAL da provincia en horario de mañá.