A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vén de repartir as axudas para actividades para dinamización da lingua galega entre 34 concellos da provincia. A partida incrementárase este ano un 50% ata os 150.000 euros, esgotándose todo o crédito dispoñible.

As axudas para a dinamización da lingua, segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, teñen por obxecto promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega, co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia con repercusión social, que organicen os concellos no seu termo municipal. A axuda para a realización de actividades de dinamización da lingua dirixidas aos concellos pode chegar ata o 75 % do orzamento presentado para a súa realización e poderán beneficiarse deste programa os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes.

Entre os eventos subvencionables están cada ano os certames literarios e xornalísticos, de creación audiovisual e literaria, feiras e eventos, estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia, actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego; ou calquera outra actividade ou programa de actividades cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do idioma galego entre a poboación, nomeadamente entre a infancia e a mocidade, ou actividades de captación de neofalantes.

Proxectos

No Baixo Miño as subvencións foron para A Guarda, para ‘A Guarda dálle á lingua, no cinema tamén’; a O Rosal, para o traballo ‘Memoria Viva e Patrimonio inmaterial do Rosal’; a Tomiño, para actividades de fomento de emprego en galego e celebración das Letras Galegas; Tui, para o programa ‘Tui en Letras 2023’ e gracias a estas axudas, Oia puido crear o vídeo ‘A gandeiría de Oia’. O Porriño temen recibiu axuda para ‘A mocidade coas letras galegas’.