A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vai distribuír entre 33 concellos da provincia manteis divulgativos sobre o ‘Caldo de Gloria’, unha receita humilde que Rosalía de Castro menciona no poema ‘Miña casiña, meu Lar’ do Libro Follas Novas. A iniciativa, que se desenvolve da man da Fundación Rosalía de Castro’, pretende poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular.
Os manteis serán utilizados o vindeiro día 23, cando se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía, nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería local de cada municipio. No criterio de reparto primáronse os establecementos que ofertarán o ‘Caldo de gloria’ na súa carta para celebrar a efeméride sobre a autora de Padrón, os que utilizan o galego como lingua principal, e os que participan do Plan Revitaliza e dispoñan do selo distintivo do plan provincial de compostaxe.
Nesta simbólica iniciativa estaban a disposición dos concellos da provincia 8.000 exemplares do mantel individual de papel co poema e a explicación sobre o Caldo de Gloria. O reparto fíxose por estrito orde de solicitude cun máximo de 150 unidades aos concellos de menos de 5.000 habitantes, 200 aos de entre 5.000 e 10.000, 300 aos de entre 10.000 e 20.000, e 500 aos de entre 20.000 e 50.000. Os concellos e/ou os locais de restauración que precisen máis unidades para estender a proposta teñen a oportunidade de descargalos e imprimilos de maneira autónoma dende a páxina web da Deputación e tamén da Fundación Rosalía.
Na comarca do Baixo Miño participarán na iniciativa os concellos de A Guarda, Oia e O Rosal e no Val Miñor Gondomar.